Friday 03 de May de 2024

Restablecida a circulación para o tráfico rodado na rúa Igrexa logo de finalizar as obras de humanización


• A intervención, que contou cun orzamento de 85.500 euros, serviu para outorgarlle protagonismo ao peón fronte os vehículos.

• Ademais de renovar a calzada, os traballos incluíron a retirada do antigo mobiliario urbano e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e de abastecemento de auga.

O Concello de Malpica acaba de restablecer a circulación para o tráfico rodado na rúa Igrexa logo de que finalizaran totalmente as obras de humanización.

Deste xeito, queda habilitado un carril en dirección única para que os vehículos poidan acceder tanto á Praza Fonte Vella como á rúa Camiño do Río. Lembramos que os peóns xa podían acceder a zona desde o día 24 de abril.

A intervención contou cun orzamento total que rolda os 85.500 euros e cuxo obxectivo foi situar o peón como protagonista na circulación pola rúa. Este proxecto pretende darlle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que busca eliminar o exceso de tránsito de vehículos e incrementar a seguridade do viandante.

Entre os traballos estivo a renovación total da calzada, a retirada do antigo mobiliario urbano e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e de abastecemento de auga.

O goberno local destacou a importancia dos traballos “para asegurar as condicións de todas as persoas que atravesan diariamente a zona a pé”. Así, “o peón pasa a ser o protagonista e seguimos intentando reducir pouco a pouco o uso de vehículos no centro urbano”, explicaron.